A paisaxe dos Ancares ambienta o vindeiro filme de Oliver Laxe

Zona: 

O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou as colaboracións dende a Deputación e a TIC cos novos traballos do director Oliver Laxe para promover os Ancares e contribuír á formación dos alumnos da Escola de Imaxe e Son. Campos Conde explicou que estas colaboracións favorecen que Navia de Suarna sexa a principal localización de Aquilo que arde, a vindeira película do cineasta; que Oliver Laxe rode un vídeo promocional sobre a Reserva dos Ancares Lucenses e que ofreza un ciclo de conferencias e clases maxistrais aos estudantes da EIS. O titular provincial fixo este anuncio nunha visita a Navia de Suarna, na que estivo acompañado polo Alcalde deste municipio, José Fernández, o director Oliver Laxe e a produtoraexecutiva de Miramemira, Andrea Vázquez. Campos Conde salientou que “queremos formar parte desta produción cinematográfica porque é unha oportunidade para a economía, o emprego e a promoción turística, especialmente dos Ancares, pero tamén doutras localidades da nosa provincia, que non debemos desaproveitar. O filme, que se rodará no noso idioma, posúe un especial valor cultural e social, e fomenta o tecido industrial do sector audiovisual galego”. “A rodaxe está prevista entre os meses de febreiro e agosto en diferentes localizacións do territorio lugués, especialmente en Navia de Suarna, pero tamén en Monterroso, Monforte, Viveiro, Becerreá, Cervantes e Lugo”, remarcou o Presidente, incidindo no potencial paisaxístico da provincia.