Miguel Santalices será o pregoeiro da XXVI Feira do Queixo na Ulloa

Zona: 

A edición número 26 da Feira do Queixo na Ulloa e produtos de calidade e turismo sostible terá lugar entre este venres 27 e o domingo 29 de abril en Palas de Rei.  Unha feira que foi presentada polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada; e polo presidente da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carreira Valin; que estiveron acompañados por persoal técnico encargado da organización da Feira.

CONCURSO DE TAPAS

O venres 27 e o sábado 28 de abril terá lugar un concurso-degustación de petiscos con Queixo da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa,  no que participan 13 establecementos hostaleiros de Palas de Rei. Para o concurso, o Consello Regulador da DOP Arzúa Ulloa vai entregar uns 6 quilos de queixo (o que se entende que sería de abondo para a elaboración de como mínimo 100 pinchos). Os pinchos e tapas deberán ofrecerse aos clientes coas consumicións, polo menos durante o venres e o sábado. A cata dos pinchos polo xurado realizarase a partires das 18:00 horas do venres 27. Cada establecemento pode elaborar diferentes pinchos, pero so pode presentar un pincho ou tapa o concurso. O hostaleiro ou hostaleira cuxo pincho ou tapa obteña unha maior puntuación será distinguido polo Consello Regulador durante os actos da mañá do domingo 29 de abril. Con este Concurso, preténdese promover a divulgación do queixo Arzúa-Ulloa.

PROGRAMACIÓN

A programación desta edición da feira do Queixo continúa o sábado 28 de abril, coa actuación da orquestra La Fórmula. A actividade feiral concéntrase o domingo 29 de abril, coa apertura e inauguración dos recintos feirais (Praza de Galicia e Praza do Concello) ás 10:00 horas. A Praza de Galicia acollerá os diferentes  stands que albergaran: representación de empresas, negocios, artesanía… finalmente estímase que entorno a 86 expositores participen. Ao longo do día, o punto musical virá da mán das formacións de baile e danza tradicional palenses “Palacio do Rei” e  “A Fonte de Merlán”. As 12:30 horas terá lugar o Pregón, que correrá a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, na Praza do Concello, seguido do nomeamento dos novos membros da encomenda do Queixo da Ulloa e a entrega de premios aos gañadores do concurso de tapas. Este ano serán distinguidos como comendadores do Queixo da Ulloa: José Manuel Balseiro Orol, delegado territorial da Xunta en Lugo; María Varela cociñeira e propietaria de Parada das Bestas; Miguel Santalices, Presidente do Parlamento de Galicia; Juan Carlos Corredoira, pola súa labor como árbitro deportivo; Jesús Quintas, por a súa labor en Alibós no mundo rural; a empresa Cartografía e Medicións ubicada en Palas de Rei. Ás 14:00 horas terá lugar unha degustación de queixo e produtos da comarca e ás 17:30 horas terá lugar o espectáculo de Sthil Timbersports, no que participarán un motosierrista e dous hacheros: o motosierrista realizando esculturas e os hacheros competirán no corte de troncos (corte horizontal, vertical, altura e proba con motosierra prototipo).