Para min non existen partidos, o único que existe empeza por P e chámase Palas de Rei

Pablo Taboada, actual rexedor do Concello de Palas de Rei, conversa con Crónicas da Comarca na antesala da celebración das festas grandes do seu municipio. Amósase agradecido coa veciñanza de Palas por todas as mostras de apoio que recibiu nos últimos tempos así como tamén moi recompensado pola confianza que os veciños amosan na súa persoa.

 

Xa queda menos para o fin da lexislatura, como valora este tempo de goberno?

Quen normalmente valora a miña xestión son os veciños. Nós presentámonos cun programa de goberno no 2015 e a día de hoxe máis do 95% dese programa está cumplido. Só queda unha cousa que é a residencia da terceira idade, da que x atemos o edificio feito, construido polo goberno local de Palas de Rei, e está funcionando ao 50%, o que se corresponde ao Centro de Día e falta a parte residencial que estamos esperando por parte da Deputación de Lugo para que esté lista e que nos den un trato similar ao que están dando a outros concellos.

Satisfacción plena porque cumprimos así coa totalidade do noso programa.

Que retos lle quedan por cumprir antes de chegar a 2019?

Do noso programa electoral, só falta a apertura da residencia da terceira idade. E é algo que non depende únicamente do Concello de Palas de Rei.

Estamos agardando tamén o que pode ser unha nova xestión das ITVs en Galicia que pode favorecer a nosa vila, temos avanzada algunha cousiña, pero o que realmente queda por cumprir do noso programa e que a residencia da terceira idade sexa unha realidade na vila.

Que lle pediría a Deputación neste final de mandato?

Pedímoslle un trato similar ao que reciben outros concellos da provincia. Queremos que nos axude coa apertura da residencia da terceira idade de Palas de Rei. Aprobouse esa axuda no Pleno de abril cos votos a favor do BNG, do PP e do deputado no adscrito, en contra o PSOE. Pero nós queremos velar polos intereses dos veciños, afastando calquer tema partidista e entendemos que a residencia de Palas xa tiña que estar aberta hai tempo. Fixemos un esforzo moi grande, cunha inversión de máis de dous millóns de euros por parte do Concello.

Pedimos á Deputación de Lugo o mesmo trato que se lle deu a outros concellos que é cofinanciar as prazas da nosa residencia e colaborar así na xestión da nosa residencia. É sabido por todos os veciños de Palas que a nosa petición é que o organismo provincial colabore con nós ao igual que o fixo con outros concellos.

A Xunta de Galicia?

Pedimos o mesmo que a Deputación, axuda para abrir a nosa residencia. Xa falamos con eles, pola súa parte colaboraron no último convenio mellorando o equipamento. Queremos poñer en marcha esta importante infraestrutura para o noso concello.

Xa levamos tempo coa autovía aberta, afectoulle negativamente a Palas de Rei a súa apertura como se decía inicialmente?

Palas de Rei ten autovía, outros concello non teñen autovía. Esperemos que pronto a teñamos todos porque é importante que se remate o seu treito a Santiago de Compostela. Temos a sorte de dispoñer dun centro de conservación que dispón dun volumen de traballo importante e en breve contruirase a primeira área de servizo da A-54 que dispoñerá de máis de 30 postos de traballo. Por outra banda, pensamos que non afecta negativamente para nada, nos últimos anos, consideramos que deixou en Palas de Rei preto de dezaseis millóns de euros coas expropiacións.

Como vai a ampliación do polígono de Palas de Rei?

A segunda ampliación do polígono foi mercada por unha empresa local, e x atemos a terceira ampliación sobre a mesa na que xa hai parcelas reservadas. Como publica o estudio Ardán, a Ulloa é unha das comarcas galegas onde máis medra a riqueza das súas empresas. Eso significa moito.

Traballamos nesa terceira fase, da que xa hai persoas interesadas en parcelas, que en breves se culminará. Quen o diría en Palas de Rei hai dez anos…e hoxe o noso polígono conta con máis de 200 empregados.

Como valora a enquisa que realizou Crónicas da Comarca onde o PP con vostede a cabeza revalidaría a maioría?

Pablo Taboada soamente responde ante os veciños de Palas de Rei. Son eles os que determinan quen rixe o goberno. Estou agradecido e só me debo aos veciños da miña vila e non a ningún partido político, única e exclusivamente aos veciños de Palas de Rei, e dende aí, chegado o momento verase se podemos ou non podemos, é coñecida situación do noso equipo do goberno. De todas formas, o meu agradecemento aos veciños de Palas, por depositar en min a súa confianza, seguramente tiven erros, pero o que sempre pretendín foi mellorar a situación económica do concello e intentar que o rural continuara vivo. Aquí seguiremos se os veciños deciden que este ten que ser o noso sitio.

Contempla a posibilidade de volver a ser candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións?

O tempo o dirá, en todo caso en Palas hai moitísima xente que pode chegar á alcaldía e pode facelo mellor ca min. Eu ao fin e ao cabo son un humilde traballo da vila ao que só lle interesan os intereses de Palas de Rei a diferencia de outros nos que priman os intereses particulares. Para min non existen partidos, o único que existe empeza por P e chámase Palas de Rei.

Palas de Rei, está a piques de vivir as súas festas grandes, que supoñen para a economía palense?

Son unhas festas humildes, acordes coa vila nas que se aproveita para as xuntanzas familiares e para un tempo de ocio en Palas. Contamos este ano coa colaboración da maioría dos veciños, cunhas cotas acordes coas súas necesidades. O 90% dos negocios colaboraron con estas festas. Convido a todos os veciños así como tamén ás persoas doutros concellos a achegarse a Palas de Rei durante esta fin de semana para gozar coas festas grandes.

Unhas festas cun programa completo no que todo o mundo está representado, tanto pequenos como maiores, poderemos disfrutar da nosa comarca e da nosa gastronomía, dos nosos valores arquitectónicos e paisaxísticos.

Para a economía local, Palas de Rei é final de etapa do Camiño de Santiago, este aspecto é un dos principais puntos a ter en conta no dinamismo da nosa vila. As festas complementan, non é unha parte principal do ano, pero sí unha parte importante. Prima máis o reencontro coas nosas familias e o disfrute. Claro está, se a repercusión económica é positiva pois mellor que mellor.

Agardo que todos os establecementos de Palas de Rei teñan un bo final de temporada turística, eu creo así está sendo.

Cal é o esforzo que fai o Concello para que poidan celebrarse?

O Concello de Palas de Rei colabora con toda a infraestrutura. Hai unha ampla maioría que colaborou con estas festas, máis do 90%. Teño que darlle as gracias porque este ano foi unha colaboración extraordinaria, superior a anos anteriores. A minoría que non puido achegar a súa aportación, tamén lle agradezo e dalgunha forma, quizais este ano non participaron pero que o ano que ven que si o fagan e que se unan a este movemento. Que disfruten todos as festas, porque esta celebración non é de Pablo Taboada senon de todos os veciños e calquer interpretación de eido político está fóra de lugar.