“o récord de investimentos vaise dar neste ano 2018”

Crónicas do Eume conversa co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, cando queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais. O alcalde pontés fai un balance “bastante positivo” do que vai da lexislatura, xa que “agora mesmo o escenario é de melloría”. Proba diso é que “o récord de investimentos vaise dar neste 2018”, cun orzamento de case tres millóns de euros en obras para a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas das Pontes, como a reforma do Mercado Vello ou a inversión no Poboado das Veigas.
 
- A primeira pregunta é case obrigada, que balance fai do que vai da súa lexislatura?
- Un balance bastante positivo, porque o entorno socioeconómico mellora notablemente. A taxa de paro está preto do 5% da nosa poboación total, nun entorno onde o tecido empresarial aínda está pasando dificultades. Agora mesmo o escenario é de melloría, aínda que no escenario referido aos beneficios continúa sendo moi tácita, o cal complica novas inversións, o certo é que se mellora o entorno, a carga de traballo, pedidos, etc… O escenario é mellor que o que tiñamos anos atrás. As empresas xa non pechan, senón que abren. Todas estas mellorías, enmárcanse tamén nunha decisión que para nós é prioritaria como é a decisión de ampliar e garantir o futuro de Endesa.
- A recuperación económica comeza xa a notarse no polígono industrial da súa vila?
- Si, considerablemente. Estanse empezando a mobilizar todos os equipamentos privados que existen nos polígonos. Parcelas, naves están empezando a reactivarse. O grupo Añón vén de adquirir unha nave nunha parcela enorme da localidade e que vai comezar actividade este ano. En breve coñeceremos algunhas actuacións máis nos polígonos e ademais tamén algunhas ampliacións. Estamos nun escenario diferente ao de hai uns anos. 
- O Concello de As Pontes conta este ano cun orzamento de tres millóns de euros para investir en obras este ano, cal é a previsión das execucións?
- Para empezar o récord de inversión vaise dar neste ano 2018. Ademais do remanente de tesourería temos o Plan Único da Deputación que supón un aumento significado do que se viña facendo anos anteriores. O Concello antes recibía 700.000 euros do ente provincial e agora recibe case tres millóns de euros, polo tanto o Plan Único beneficia a todos os concellos e tamén ao noso. 
Durante os vindeiros meses, pretendemos afondar na mellora urbanística tanto no casco urbano como nas parroquias, faremos unha vila moito máis bonita e moito máis agradable para recibir a todos os visitantes. O nivel de endebedamento cero permítenos contar cun orzamento de 15 millóns de euros, moi superior ao de calquera vila do noso tamaño. E o nivel de execución tamén será moi importante.
- No que atinxe ao apartado social, que medidas levou a cabo o seu Goberno ou cales pretende poñer en marcha?
- A aposta polos servizos sociais é unha aposta moi consolidada. Nun período onde hai recortes públicos en todas as administracións, o noso Concello aumentou nun 30% a partida dos sevizos sociais: no eido da dependencia, no eido da igualdade,  no eido da infancia con reforzos da escola infantil, servizo psicopedagóxico, servizo de gardería durante os 12 meses do ano para favorecer a conciliación laboral e familiar, etc.. Tamén puxemos en marcha plans de detención de emerxencia social, caso por caso… Seguro que se poden facer máis cousas, pero tamén é certo que o se leva feito é moito.
- Finalmente, o Concello porá en marcha este mes as obras do Mercado Vello de As Pontes, que utilidades se lle dará despois a este recinto?
- De entrada vaise demoler, custou moitísimo traballo burocrático. Hai que retirar o transformador de Unión Fenosa, vital para todo o casco urbano, inversión que vai ser financiada polo concello con 170.000 euros. Ademais de ceder á Xunta de Galicia a demolición da Cámara Agraria, e se a iso lle sumamos os negocios privados que hai e as entidades sociais que alí se instalan, complican a solución administrativa que xa está encamiñada e que permitirá crear un espazo libre onde o inmoble que estaba antes afeaba o centro neurálxico da nosa vila.
- Como alcalde de As Pontes, vostede sempre apostou polo rural, que actuacións se levaron ou se levaran a cabo? Que balance se pode facer?
- O rural ten un problema xeralizado, especialmente en Galicia, por despoboación. O certo é que non podemos deixar de cumprir coas nosas obrigas en canto a ese ámbito. A mellora das infraestruturas e das actuacións pode mellorar a situación. Calquera que se pase polo rural de As Pontes pode ver a nosa aposta por el. Máis do 50% do POS deste ano vai dedicado ao rural, que loxicamente se non ven acompañado 
de medidas autonómicas non chega. Cada vez vamos ver máis actividade no rural pero a concentración de poboación será nos cascos urbanos.
- A pouco máis dun ano para a celebración das eleccións municipais, que obxectivos pretende cumprir antes de que chegue maio de 2019?
- Consolidar a recuperación económica do Concello, que é a base para todo. Queremos consolidar a ampliación e adaptación da central térmica á normativa europea o que vai a garantir o emprego e o impulso económico da vila e dedicar moitos tempos e recursos á consolidación urbanística e estética da vila incluída no lago das Pontes que despois dunha etapa nebulosa administrativa é noso e polo tanto xa podemos comezar a realizar actividades para poñer en valor ese lugar. 
- Por último, e falando da central térmica, a estrada de acceso As Pontes foi cortada hai uns días para a construción dun novo viario,  as obras da adaptación da central térmica avanzan a bo ritmo?
- Faise por necesidade, Endesa vai ocupar unha estrutura de corenta metros de longo por corenta metros de ancho e vai ocupar a maior parte dese viario. A alternativa que se propón  dende a Xunta de Galicia, que ten algunhas cuestións que validar aínda, vaille dar á vila un acceso fluído. En calquera caso a superviviencia desta central beneficia aos nosos veciños e por extensión á vila de As Pontes.