Media Maratón O Gran Camiño conta con máis de 100 inscritos

Zona: 

O terceiro medio maratón O Gran Camiño, que se realiza entre os concellos de Arzúa e O Pino, xa conta con 114 participantes a falta de dúas semanas para a carreira. Nesta ocasión, o evento deportivo celébrase en xornada de tarde, con saída o sábado 6 de xullo ás 19.00 horas dende a Cima do Lugar en Arzúa e coa meta sita na praza de Forcarei (Pedrouzo) en O Pino. A inscrición, que ata o mes de xullo custa 15 euros, pódese realizar na web de emesports.

Os corredores volverán ateigar a penúltima etapa do Camiño francés, compartindo treito cos peregrinos que ese día percorran a ruta xacobea. A proba organizada polos concellos de O Pino e Arzúa, conta ademais coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Coca Cola, Gonzacar e Clínica de Fisioterapia LR.

Esta media maratón trátase dunha carreira de dificultade media segundo a organización, pois o percorrido transcorrerá maioritariamente por zonas de terra dura, unha superficie moito menos lesiva co asfalto e que permite a utilización de calquera tipo de calzado. Ademais, a segunda metade da proba é menos esixente, xa que a saída está a maior altitude que a meta.

Dúas semanas antes da data desta media maratón, o número de inscritos é de 114, fronte os 185 que se calzaron as zapatillas na pasada edición. A organización prevé superar os 200 participantes, pois o prazo para apuntarse ao Gran Camiño remata o 5 de xullo ás 14.00 horas.

Premios e datos de interese

A organización establece premios en metálico de entre 300 e 75 euros para os cinco primeiros da clasificación xeral tanto na categoría masculina coma na feminina, e de 250 a 50 para os cinco primeiros clubes. Ademais, os tres primeiros, tanto da xeral como de cada categoría, recibirán un trofeo conmemorativo.

O comezo oficial da proba está marcado para as 19.00 horas e ás 21.45 darase o peche á carreira, debendo chegar antes deste momento para clasificar o tempo.

No evento tamén se contará cun servizo de transportes, mediante autobuses que sairán ás 17.15 horas dende a praza de Forcarei en O Pino cunha frecuencia de 15 minutos ata as 18.30 horas que se realizará o último traslado. Desta forma os participantes disporán dun medio de transporte ata a zona de saída da competición.

O Gran Camiño contará con todos os servizos e facilidades das grandes probas de atletismo. Os corredores terán catro puntos de avituallamiento, nos quilómetros 5, 10, 15 e na meta para poder hidratarse e mellorar o seu rendemento no transcurso da proba. Ademais, ao rematar habilitaranse duchas e vestirarios no polideportivo municipal de Reboredo e no campo de fútbol municipal dende as 18.00 ata as 22.30 horas.

Máis información e inscrición en www.emesports.es e www.carreirasgalegas.com