Máis de 20 veciños e veciñas de Antas de Ulla participan no “Movémonos” da deputación

Zona: 

O programa deportivo Movémonos, impulsado pola Deputación de Lugo, chega ao Concello de Antas de Ulla, onde uns 20 veciños e veciñas do municipio e da contorna participan asiduamente a estes encontros. Ata alí se achegaron a deputada pola comarca da Ulloa, Pilar García Porto, e o deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, para saudar e falar cos participantes deste “programa deportivo, saudable e social que levamos aos municipios do rural lugués a través de asociacións e colectivos como a Asociación de Veciños de Olveda”, coa que compartiron clase os Deputados Provinciais. O Executivo Provincial destina 119.000 euros a esta programación para financiar a participación nas actividades deportivas de máis de 1.400 lucenses maiores ou con capacidades diferentes, é dicir, teñen un custe cero para os usuarios e usuarias. Este investimento permite, ao mesmo tempo, a contratación de 14 profesionais encargados de impartir as clases, aos que o Goberno decidiu mellorar as condicións salariais con respecto ao convenio do seu sector que é o de instalacións deportivas e ximnasios. Este implica 6 euros por hora e o Goberno estableceu 15 euros por hora. En total participan 93 asociacións, 28 da zona norte, 49 do centro e 16 do sur da provincia, neste programa que se prolongará ata o vindeiro mes de xuño. Son case 8.000 horas de actividades dirixidas a asociacións de todos os Concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes; ou a colectivos con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social dos 67 municipios.