Un Pleno extraordinario disolverá a Sociedade Urbanística Provincial

O presidente da Deputación, José Tomé, vén de anunciar a súa decisión de convocar un Pleno extraordinario para a disolución de Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) . Tal e como se recolle no pacto de Goberno do organismo provincial, o presidente toma a iniciativa e arranca o procedemento que desembocará na desaparición da SUPLUSA.

Con este paso, o presidente José Tomé pretende cumprir coa prioridade que marcou na súa investidura, “devolver a tranquilidade e a normalidade institucional á Deputación, pois se ben SUPLUSA foi no seu momento unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos”. Engade que “feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido”.

A disolución de SUPLUSA significa tamén un avance no proceso de reestruturación, modernización e adelgazamento da Deputación, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará á Administración provincial máis eficaz e útil á cidadanía, ademais de supoñer un aforro para as arcas provinciais.

VONTADE DE GARANTIZAR OS DEREITOS LABORAIS DOS ACTUAIS TRABALLADORES

En canto aos actuais traballadores e traballadoras da sociedade mercantil, tal e como subliñou o presidente, a Corporación ten a vontade de garantir os seus dereitos laborais, para o cal se solicitarán os informes técnicos pertinentes.

PLENO DE DISOLUCIÓN, EN SETEMBRO

O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario que se celebrará a principios de setembro, e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.