O pleno da Deputación de Lugo acorda a disolución de Suplusa por unanimidade

O Presidente José tomé, consegue o consenso do pleno para a disolución da empresa Suplusa.

 
A Deputación retirara a SUPLUSA a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido.

 

Dado que a Sociedade Urbanística Provincial é na actualidade o único ente instrumental da Deputación, a súa disolución suporá tamén culminar o proceso de reestruturación da Deputación, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará á Administración “máis eficaz e útil á cidadanía, ademais de supoñer un aforro para as arcas provinciais”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. Este proceso de reestruturación materializouse dende o ano 2012 na extinción do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) e da Fundación TIC.

En canto aos actuais traballadores e traballadoras de SUPLUSA, a voceira do PSdeG reiterou que a Corporación ten a vontade de garantir os seus dereitos laborais, para o cal se solicitarán os informes técnicos pertinentes.

De feito, o acordo adoptado hoxe pola unanimidade da Corporación inclúe dous puntos:

 

1) A disolución de SUPLUSA e a realización de todos aqueles trámites que resulten necesarios para lograr a súa total extinción ata a súa sucesión universal pola Deputación na súa condición de socio único daquela

2) E constituír unha comisión técnica, integrada por persoal funcionario da Deputación (dos servizos de Secretaría, Intervención e Recursos Humanos), por traballadores de SUPLUSA e por deputados e deputadas provinciais (que serán os mesmos que os designados como liquidadores, pertencentes aos tres grupos políticos provinciais), que decidirá o modelo de xestión dos servizos que prestaba a entidade mercantil.

O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario celebrado hoxe e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas, cunha duración estimada de alomenos dous anos, realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.