Deputación e Concellos denuncian que “o Partido Popular pediu á xustiza paralizar xa a apertura de residencias”

COMARCA “As residencias vanse abrir respectando á xustiza, na que confiamos”, din

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e os alcaldes da Fonsagrada, Pol, Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil denunciaron conxuntamente que “o Partido Popular non quere que abran as residencias” e “está a empregar fondos públicos para tentar paralizalas de xeito inmediato, posto que presentou recursos contenciosos nos que reclaman medidas cautelares en contra dos centros, cargando isto ás arcas de SUPLUSA. Por moito que lle pese ao PP, imos a seguir coa nosa folla de ruta e co noso traballo para abrir entre abril e maio as primeiras residencias”.

“Sempre que a xustiza non diga o contrario, autorizando ditas medidas cautelares, en abril e maio poderán abrir os centros de maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada. Pois hai uns días xa arrancaron os procesos de solicitude das prazas das residencias de Trabada e Ribadeo que precisamente están a desenvolver os traballadores sociais da Deputación recentemente contratados para os centros de maiores xunto aos dos Concellos. A día de hoxe, a residencia de Trabada conta con 10 posibles usuarios e a de Ribadeo con 16. En Pol hai 15 maiores interesados e na Fonsagrada 20”, din.

 Trabada e Ribadeo conta coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica contratadas. Mañá aprobarase en Xunta de Goberno estas mesmas prestacións para o centro de Pol e a semana seguinte as necesarias para o da Fonsagrada. Tamén se aprobou a compra de sábanas, toallas, babeiros...é dicir, todo o material de lencería que se require. Ademais de traballadores sociais, a Deputación conta con psicólogos e ATS para as residencias. Tamén tiveron lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematarán os de administrativo, tendo deste xeito todo o persoal público da Deputación necesario para o funcionamento dos centros. Están os convenios, regulamentos e ordenanzas, así como os PIA das residencias de Trabada, Pol e Ribadeo. Agárdase que a Xunta conceda o da Fonsagrada.  

 “Se todo transcorre con normalidade, é dicir, se as intencións do PP fracasan e non se admiten as medidas cautelares, non hai problemas relativos ás contratacións que estamos a facer e a Xunta nos conceden o PIA da Fonsagrada, poderíamos abrir estes 4 centros entre abril e maio con 200 prazas de residencia e centro de día, facendo realidade un proxecto pioneiro, pois institucións locais poríamos a disposición dos nosos maiores servizos públicos de residencia e centro de día nas súas localidades ou Comarcas, con prioridade de acceso para lucenses e con prezos en base a súa capacidade económica para que todos, con independencia da súa situación, poidan contar con estas prestacións sociais”, explicou Campos Conde.

 CONTENCIOSOS ADMINISTRATIVOS E MEDIDAS CAUTELARES

Presidente e alcaldes explicaron que “o Partido Popular, facendo uso da súa maioría absoluta no Consello de Administración de SUPLUSA, a que lle outorgan os Deputados e tamén Alcaldes do PP en Mondoñedo, Begonte, Outeiro de Rei, Guntín, ademais do alcaldable popular en Sarria, autorizo a presentación do primeiro recurso contencioso administrativo, pedindo a paralización inmediata das residencias de Pol e A Fonsagrada. Chegarán novos contenciosos, posto que o Partido Popular xa aprobou presentalos tamén contra a apertura das residencias de Trabada e Ribadeo e as obras de construción da de Guitiriz, que imos a poñer en marcha seguidamente logo de contratalas o pasado venres. Previsiblemente, farán o mesmo coas residencias de Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Meira e Navia de Suarna, posto que xa reclamamos a SUPLUSA, é dicir, ao Partido Popular que ten a maioría absoluta neste organismo no que unha soa persoa nada pode facer, que as entrega á Deputación para poder poñelas en marcha respectando sempre a autonomía local dos Concellos”.

OS ALCALDES LUCENSES TÉÑENO CLARO: O RETRASO NA APERTURA DA RESIDENCIAS É CULPA É DO PP

O alcalde de Pol, Lino Rodríguez, destacou que “Quxiera pedirlle perdón aos meus veciños porque levamos un retardo de algún tempo e isto é motivado pola actuación do Partido Popular. Xa cando puxemos a primeira pedra estaba aí o PP, e isto é público e notorio, criticando a súa apertura porque era un endebedamento para o Concello, dicían. Eles o que non querían é que se fixera e se abra. Chegado a este punto, quero darlle as grazas á presidenta do PP e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, a Jesús Carreira Ferreiro, José Ulla Rocha, José Antonio García e a José Pardo Lombao, todos eles alcaldes e ex-alcalde, pois gustaríame saber que pensarían se o alcalde de Pol estivera impulsando un recurso para que non se puidera abrir unha residencia no seu Concello”

Pola súa banda, o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, destacou que “o PP non fixo máis que interpoñer problemas. Na Fonsagrada xa non quixeron nin facela dende a Xunta e fíxoo a Deputación. Aqueles que nola negaron, os que agora piden medidas cautelares para que non se abra, son os mesmos que foron ao Centro de Maiores da Fonsagrada a sacarse unha foto co alcaldable do PP para vanagloriarse do bo traballo feito nesta dotación pública, tan demandando polos veciños e pola que tantos anos levamos loitando”.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, tamén se pronunciou co respeto a este tema e indicou que “vexo que os concelleiros do PP en Ribadeo votan que si unanimemente a todos os acordos sobre a residencia para xestionala dunha maneira conveniente e baixo amparo legal e logo vexo como persoas do PP na Deputación pretenden desmontar todo isto. É unha total incongruencia. Non teñen lexitimidade. Parece que lles doa que o poder local entre Concellos e Deputación saquemos adiante sen axuda ningunha da Xunta este pioneiro proxecto”.

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, explicou que “dentro dunhas semanas vai aflorar todo o traballo que fixemos durante todo este mandato dende a Deputación e os Concellos. Custou moito artellar isto e que fose economicamente sostible para as administracións locais, que temos menos recursos, e que non contamos coa colaboración da Xunta, pois todos sabemos que debería subvencionar as prazas, máis aínda coas pensións dos nosos veciños, e non quixeron facelo. Lonxe de atopar facilidades e apoio, tanto aquí na Deputación como na Xunta, o Partido Popular o que fixo por poñer paus nas rodas, desprestixiar este proxecto e xerar moitas dúbidas á cidadanía. Se non fora polo traballo conxunto de Concellos e Deputación isto non sería posible. Xa poderían estar aberta se o PP non houbese enredado dese xeito. Ímolas abrir e non porque veñan as eleccións. Vai a ser en abril e maio porque non puidemos facelo antes e isto tamén o debe saber a xente”.

Tamén falou o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo Magdalena,  e subliñou que “encontrámonos con obstáculos de todo tipo, que nos interpuxeron dende un chiringuito que manexa o Partido Popular. Pero xa interpoñer recursos contenciosos e pedir medidas cautelares non se poden consentir. Porque agora son estas residencias pero logo virán as seguintes e tamén lle tocará a de Pedrafita. Nunca tomaría nunha decisión que prexudicara ao meu Concello nin a outro. Deben ser declarados persoas non gratas, pois están intentando facer todo o posible para destruír, para non poder ofrecer aos nosos veciños un servizo público e social fundamental nos nosos municipios”.

 Para rematar o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, destacou que “isto é unha pataleta do PP que non sabe como facer para prexudicar ao Goberno da Deputación, pero a quen danan realmente son aos nosos veciños”.