A Xunta recupera a contorna do piñeiral da praia da Madalena

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o piñeiral da praia da Madalena, no concello de Cabanas, na que a Xunta vén de investir algo máis de 50.000 euros para a recuperación paisaxística dunha das zonas máis representativas do municipio. Rodeiro estivo acompañado polo alcalde, Germán Castrillón, e a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Cristina Carrión. A actuación consistiu na posta en valor do entorno da praia da Madalena mediante a instalación dunha pasarela de madeira de 65 metros para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida e ademais para que o paso das persoas non afecte a flora autóctona. Así mesmo, instaláronse catro paneis divulgativos. A praia da Madalena é a continuación funcional do Parque Natural das Fragas do Eume e do espazo protexido incluído Rede Natura 2000. Os novos elementos permiten compatibilizar o uso público e as actividades recreativas coa conservación do entorno. Ovidio Rodeiro sinalou que “mellorouse con esta actuación unha contorna de singular beleza, aportando un elemento fundamental tanto para permitir a accesibilidade universal como para reconducir o fluxo de persoas e evitar que se produza unha pisada indiscriminada da zona de dunas”. Tamén permite organizar os servizos que se ofrecen nas praias.