A Plataforma de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino conta con máis de 300 asociados

Catro meses despois do seu nacemento, na asociación “Plataforma traballadores mineiros Touro – O Pino” contamos xa con máis de 300 persoas socias. Esta entidade, da que formamos parte os traballadores do Proxecto Touro, ex traballadores mineiros e outros compañeiros do sector, e tamén veciños de Touro e O Pino que defenden a posta en marcha do proxecto, creouse co obxectivo de reivindicar os nosos dereitos como traballadores do Proxecto Touro e, en xeral, os do sector mineiro e industrial.

Defendemos o noso traballo, e tamén a dignidade dunha profesión centenaria, que ademais conta cunha importante historia e tradición na nosa comarca e, en concreto, en Touro e O Pino. E estas reivindicacións vense hoxe amparadas polo apoio activo de máis de 300 persoas. Un apoio que, por certo, non é tal por parte de certos partidos políticos que nalgunhas ocasións din defender a clase traballadora e, noutras, atentan contra a nosa forma de vida e o noso traballo, solicitando a cancelación do Proxecto Touro.

Ademais, o 100% das persoas socias son traballadores e veciños do entorno máis próximo a mina. Dato do que presumimos e que nos distingue doutros colectivos contrarios á mina, cuxos membros pertencen, na gran maioría, a outros municipios e que contan cun porcentaxe moi residual de xente de Touro e O Pino.

Polo tanto, é para nós unha sensación agridoce. Estamos orgullosos e moi satisfeitos de contar co apoio de 300 persoas que deciden formar parte da nosa asociación e sumarse ás nosas reivindicacións. Mais, ao mesmo tempo, non podemos máis que lamentar que algúns dos nosos representantes políticos, non só non nos apoien, se non que utilicen como arma política o sustento actual de 250 persoas e as súas familias (e potencialmente de 400 máis), poñéndoo en perigo, con declaracións que atentan contra a nosa dignidade como traballadores e como mineiros.

Non obstante, queremos agradecer todo o apoio recibido, non só de aqueles que decidiron formar parte activa da nosa asociación “Plataforma de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino”, se non de toda a xente que (aínda que dun xeito máis silencioso que os que protestan contra o noso traballo) nos defenden cada día e nos apoian nas diferentes actividades reivindicativas que nos vemos na obriga de desenvolver. Porque, mentres siga sendo necesario, seguiremos defendendo a nosa profesión, a nosa industria e, por suposto, tamén a nosa terra. Porque queremos vivir dela, e tamén poder vivir nela.