O Museo Provincial completa a colección de Álvaro Gil

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron no Museo Provincial da Deputación, a adquisición por parte do Executivo Provincial do último lote de 4 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano o pagamento de 350.296 euros, que lle permitirá adquirir o quinto e último lote, co que remata a adquisición completa desta colección. “Esta colección, que foi declarada BIC no 2015, consta de 40 pezas de ourivaría castrexa (pre e protohistóricas). Actualmente se exhiben na sala 8 do Museo Provincial e está formada por torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de toda Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado”, subliñou o presidente. Campos Conde remarcou que “estamos diante dun fito histórico, os veciños da provincia están de noraboa porque a colección de ourivaría antiga da familia Álvaro Gil, pasa a ser propiedade de todos. Con isto, conseguimos que todo o conxunto desta colección, que xa custodia o Museo Provincial, sexa para o desfrute gratuíto e sen restricións de todos os cidadáns, ao tempo que poñemos en valor a riqueza patrimonial galega e os fondos dos nosos museos”. O presidente avanzou ademais que “o servizo de publicacións da Deputación xa está rematando un catálogo con toda a información e a historia sobre esta colección, que sairá a luz, previsiblemente nas vindeiras semanas”.