O concello cambia eucaliptos por especies autóctonas nunha parcela

O Concello de Cervo, dentro da política medio ambiental que promove dende vai anos, está a eliminar o eucaliptal da finca municipal  do polígono de Cuíña, para plantar nese espazo especies autóctonas como castiñeiros, carballos e outras árbores frondosas. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, estiveron supervisando os traballos de roza e limpeza que marcan o inicio  da creación dun bosque autóctono nun lugar que está preto  do casco urbano de San Ciprián; “e que pretendemos  que poida servir de modelo para divulgar tamén entre os máis novos as vantaxes da  recuperación dos bosques típicos galegos; tanto pola compoñente turística, como pola vertente  produtiva; xa que estas fincas replantadas con árbores  do país,  como os castiñeiros ou as nogueiras, poden ser  un recurso importante para reforzar as economías familiares a medio  prazo”.
 

POLÍTICA INTEGRAL

Tal e como recordou Villares, “estamos a facer unha política integral de reforestación en todas as nosas parcelas con previsión de futuro, e tamén en colaboración coas Comunidades de  Montes, co obxectivo de que eses bosques sexan unha herdanza para os nosos fillos; polo gran valor patrimonial que teñen, e tamén por ese valor produtivo; co fin de que podan replantearse a vida no campo co aproveitamento do  froito que dan esas árbores ano tras ano”.