Magreco quere ser referente do sector agrogandeiro e axudar a converter o rural no motor de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na inauguración da feira de maquinaria agrícola e de produtos ecolóxicos Magreco, que se celebra en Boimorto durante esta fin de semana. Durante a súa intervención, González puxo a esta feira como un bo exemplo do que debe ser o rural galego, que aposte pola creación de actividade económica rendible.

 

A feira, que naceu como unha exhibición de maquinaria agrícola, é agora un evento moito máis destacado, segundo transmitiu o conselleiro. Segundo José González, Magreco é xa un pulo de atracción para toda a comarca, por iso, o responsable autonómico non quixo faltar a esta cita que axuda a dinamizar o rural, na mesma liña na que traballa a consellería. “Queremos un rural que se converta no motor económico de Galicia porque falar de rural é falar de progreso, futuro e emprendemento”, sinalou o titular de Medio Rural.

 

Maquinaria agrícola e forestal, razas autóctonas, simuladores de condución, produtos da horta, unha ampla representación da gastronomía e artesanía galega son algunhas das propostas que ofrece Magreco esta fin de semana en Boimorto, e que mañá, domingo, terá o día grande coa poxa de doce vacas de raza frisona e tamén exemplares de rubia galega a partir das 12.00 horas. Os grupos locais Leirabuxo e a Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto porán a nota musical a esta edición de Magreco, que conta cunha nova distribución de espazos e varias novidades, como unha zona de xogos para os nenos e as probas de habilidade cunha minipala.