A Deputación prepárase para concorrer a novos fondos europeos que contribúan a fixar poboación

O Deputado de Promoción Económica e Social participa nun programa de especialización en financiamento comunitario que se celebra ata o venres en Bruxelas no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades 

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asiste a un programa de especialización en financiamento comunitario que se celebra ata o venres en Bruxelas no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades. A participación neste foro, ao que Rivera acude acompañado do xefe da sección provincial de Innovación e Participación Cidadá, responde á vontade do Goberno de prepararse para concorrer a novos fondos europeos, unha liña de acción que marcou o Presidente, José Tomé, na súa toma de posesión co fin de que a Deputación poida dispoñer de máis recursos económicos da Unión Europea que contribúan a aproveitar e desenvolver as potencialidades da provincia, e, con elo, a crear riqueza e emprego, e fixar poboación.

 

Este evento brinda a responsables das administracións rexionais e locais, expertos e representantes do mundo académico, a posibilidade de poñer en común boas prácticas e coñecementos especializados en materia de desenvolvemento rexional e urbano. O principal obxectivo da Deputación de Lugo, tal e como explicou Rivera Capón, é “atopar solucións e financiamento que axuden a combater a sangría demográfica”.

Organizado polo Comité Europeo das Rexións e a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG REGIO), este evento celébrase cada ano en Bruxelas. Nesta edición reúne a máis de 6.000 asistentes e 600 relatores. O programa inclúe máis de 150 actos relacionados coas políticas rexionais e locais europeas.