Deputación de Lugo e Concello, apoian o Día do Veciño con máis de 4.200 lucenses

Campos Conde e Santos Ramos participaron este domingo na 17ª edición da cita que conta co principal apoio do Goberno da Deputación, cunha achega de 15.000 euros

O voceiro do Goberno foi premiado coa V de Veciño polo seu labor a prol da provincia. Tamén recibiu este galardón o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e o CB Breogán, así como a medios de comunicación e empresarios lucenses comprometidos co desenvolvemento lugués

 

O Presidente, Darío Campos Conde, e o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, participaron este domingo na 17ª edición do Día do Veciño, que se celebrou no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense, coa participación de máis de 4.200 veciños e veciñas da provincia. O Executivo converteu á Deputación na principal administración patrocinadora desta cita, cunha achega de 15.000 euros. Ademais, o evento tamén conta co apoio do Concello de Lugo, que asume os gastos de intendencia como mesas, cadeiras, escenarios ou megafonía; así como ABANCA ou GADIS.

 

A xornada deu comezo ás 9:00 horas, cos preparativos dos que se encargaron máis de 100 voluntarios e voluntarias. Logo do partido de fútbol disputado no Pavillón Municipal dos Deportes, houbo sesión vermú amenizada por grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo. O xantar deu comezo entorno ás 14:00 horas, con un prezo simbólico de 3 euros.

 

Os participantes tiveron no menú produtos lucenses como pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada, promocionando, deste xeito os produtos da provincia. Durante o transcorrer do xantar, intercaláronse tamén actuacións de diferentes grupos musicais.

 

Outro dos obxectivos deste encontro foi a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns premios cos que se homenaxea e recoñecen a labor socios que, no decorrer deste ano, destacaran por desempeñar un especial protagonismo a prol da dinamización e promoción da súa comarca, e polo tanto da provincia. Este ano foron galardoados, por exemplo, o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, ao CB Breogán, así como a medios de comunicación e empresarios lucenses comprometidos coa provincia.