Comezan os traballos de mellora da estrada de Ferreira a Currelos no Saviñao

Supón unha inversión de 390.000 euros

Arrancaron os traballos de mellora e acondicionamento da estrada provincial LU-P-4102-, que vai de Ferreira a Currelos, no Concello do Saviñao, nos que a Deputación de Lugo inviste 386.852,73€. Esta actuación mellorará preto de 8 quilómetros da vía, comprendidos entre os puntos 14 e 22, dando resposta aos centos de usuarios que utilizan a diario esta estrada que vertebra de norte a sur o municipio.

O presidente da Deputación, José Tomé, destaca que “vanse desenvolver as tarefas de rexeneración do firme con aglomerado en quente, e despois xa se procederá ao pintado e sinalización horizontal, quedando rematadas as obras nun prazo de tres semanas”. Ademais, Tomé, que é responsable directo da área provincial de Xestión Territorial, sinala a importancia das actuacións, que “completan a renovación integral desta estrada que presentaba unhas deficiencias que os propios veciños e veciñas detectaran”. Un exemplo máis, engadiu, de que “a institución provincial escoita as demandas da cidadanía e traballa para darlles resposta”.

Tal e como apuntan fontes provinciais, este proxecto de mellora da estrada provincial de Ferreira a Currelos, no Saviñao, estaba en proceso de contratación á chegada do actual Goberno provincial, aínda que pendente da aprobación do Plan de Seguridade e Saúde no Traballo e do servizo de control de calidade, trámites esenciais que este Executivo sacou adiante no mes e medio que leva de mandato para poder axilizar o inicio das obras.