200 veciños coñecen as instalacións do Centro de Maiores de Pol na xornada de portas abertas

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado Provincial e Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, mantiveron este sábado un encontro con maiores deste municipio chairego. Fixérono na xornada de portas abertas da residencia e centro de día públicos que Deputación e Concellos construíron en Pol. Foron uns 200 veciños os que puideron coñecer de primeira man as instalación e os servizos que ofrece esta dotación social e que se prevé abrir nas vindeiras semanas. Foron moitos os veciños que durante a xornada amosaron o seu interese por solicitar unha das prazas deste centro.

 

O prazo xa está aberto. Este proceso estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Hoxe en día son unas 15 persoas do municipio as que xa se interesaron por estas instalacións.

 

Campos Conde subliñou que “hoxe é un día importante para Pol porque a apertura da residencia é inminente e a pesares de que parece que hai xente que non quere que abra, nos seguimos traballando para poder abrilas. Ademais, cun proxecto pioneiro que xa están intentando aplicar en outras comunidades, como é o acceso universal ás prazas independentemente da capacidade económica e a prioridade para os veciños do Concello no que se constrúe a residencia”.

 

Rodríguez Ónega destacou que “dende hai un tempo, o único que atopamos foi atrancos para poñer en marcha a residencia. Pero a pesares de todo, dende o Concello e a Deputación traballamos para poñela en funcionamento entre os meses de abril e maio. Todo isto se non prosperan as medidas cautelares que puxo o Partido Popular eque prexudican directamente aos veciños e veciños, a pesares de non ter culpa ningunha”.

A Deputación vén de contratar con 1,9 millóns de euros as prestacións de cociña limpeza e asistencia básica para este centro, que ofrece  un total de 54 prazas, 36 de residencia e 18 de centro de día, pero que poden ser máis pois conta con habitacións dobres e as prazas no centro de día dependen das xornadas (media ou completa) que necesiten os usuarios.

 

 

 

Entre as melloras ofertadas destacan as 78 horas mensuais de actividades para o envellecemento activo dos maiores; atención especializada en áreas como nutrición, respiración, hidratación, hixiene persoal, mobilidade ou traslados; a prestación de servizos complementarios e gratuítos como sesións mensuais de podoloxía, peluquería ou barbería; menús adaptados a cada maior por nutricionistas; pratos elaborados con produtos da tempada, con certificación de orixe e mercados en establecementos da zona; pratos especiais en aniversarios, celebracións, visitas de familiares que poderán comer cos seus maiores...; servizo de limpeza continúa, con produtos respectuosos co medio ambiente, reciclaxe, separación de residuos...; prestación dun servizo de lavandería continuo e que inclúe traballos de xastrería...

 

O Concello de Pol xa ten aprobados os convenios marcos e específicos de funcionamento do centro de maiores, así como o regulamento de acceso e a ordenanza de prezo público. Estes son os documentos que garanten a xestión pública dos centros dende a Deputación, que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello, en segundo termo para os da bisbarra, e por último para lucenses en xeral. Tamén garante que todos os veciños poidan acceder ás prazas. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico co fin de garantir o acceso universal de todos os lucenses á residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.